PROGNÓSTICO TEMPO

pronostico del tiempo Cangas

martes, 23 de abril de 2013

Letra canción Celso Emilio Ferreiro

DEITADO FRENTE AO MAR Celso Emilio Ferreiro
 Lingoa proletaria do meu pobo,
 eu fáloa porque sí, porque me gosta, 
porque me peta e quero e dame a gaña; 
porque me sai de dentro, 
alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue 
ao ver tantos patufos desleigados,
 pequenos mequetrefes sin raíces 
que ao pór a garavata
 xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros,
 falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos,
 e ser, co rostro erguido, 
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
 remo i arado, proa e rella sempre. 
 Eu fáloa porque sí, porque me gosta
 e quero estar cos meus,
coa xente miña, 
perto dos homes bos que sofren longo
 unha historia contada noutra lingoa.
 Non falo pra os soberbios,
 non falo pra os ruis e poderosos,
 non falo pra os finchados,
 non falo pra os baleiros,
 non falo pra os estúpidos, 
que falo pra os que agoantan rexamente 
 mentiras e inxusticias de cotío; 
pra os que súan e choran un pranto cotidián de bolboretas,
 de lume e vento sobre os ollos núos.
 Eu non podo arredar as miñas verbas 
de tódolos que sofren neste mundo. 
 E ti vives no mundo, terra miña, 
berce da miña estirpe, Galicia, 
dóce mágoa das Españas, 
deitada frente ao mar, ise camiño...