Mostrando entradas con la etiqueta TEXTO CASTELAO(Gal 4º ESO). Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta TEXTO CASTELAO(Gal 4º ESO). Mostrar todas las entradas

jueves, 20 de noviembre de 2014

TEXTO CASTELAO 2

PEITO DE LOBO
1Aínda eu era estudante cando se criou no meu maxín a idea de facer un cabezudo, e, como na mocedade todo semella ledo e facedeiro, busquei o tipo máis laído da vila para que tódolos veciños escachasen de risa, sen facerme cargo da miña falla de caridade.
Traballei de firme para remata-la obra, que xa era sonada polo meu creto de mañoso, e xa figuraba en 5letras de molde no programa de festas.
E chegou o día. Na praza non collía unha agulla. No adro da eirexa un rapaz toco portaba un feixe de foguetes debaixo do brazo, e o fogueteiro soplaba na mecha, agardando a primeira badalada das doce.
De súpeto tanxeron os sinos, estalaron os foguetes e unha «ben afinada banda» rompeu a tocar. A cousa xa non tiña remedio. Saíu o meu cabezudo e no mesmo intre a xente escachou a rir, como facía 10 nas comedias dos titiriteiros.
 ¡É Peito de Lobo! ¡É Peito de Lobo!
I entón nun curruncho da praza xurdiron chíos firentes de mulleres que non daban atafegado un orneo que chegou a min coma un tremer de terra. Era Peito de Lobo que quería esnaquizarnos: ó cabezudo e mais a min.
15Co medo que papei non puden gorenta-lo carneiro da festa. A cousa non era para menos. Peito de Lobo nunca quixo poñerlle man ós fillos por medo de romperlle os ósos, e contan que unha vez, querendo botar un barco ó mar, afundeulle o costal co lombo. Era moito home para min, que xa me sentía desfrangullado nas súas poutas de ferro.
No remate da comida, e cando miña nai comezaba a dar gracias a Deus por tanto ben como nos dera, 20velaí aparece diante de min a muller de Peito de Lobo.
— Pois… eu véñolle decir que se garde do meu home! Vostede é o pecado, señor! Eu xa lle perguntei: «Pero ti, home, ¿onde te puxeches para que che tirase tan ben?» E o probe non fai máis que decir: «As espullas heillas dar eu a el!» Porque, mire, señor, o que máis o maguou foi que lle imitase as espullas do nariz.
25 Aquela tarde limpei de espullas o nariz do cabezudo. Peito de Lobo, preso na casa pola súa muller e polo medo de matar a un home, acochouse cediño, ollando dende o leito como os foguetes de luces tinguían de prata, ouro, verde e rosa, as paredes encaleadas, escoitando o son esviado da música e o estourar dos fogos. E canso de bulir no leito quedouse coma un santo.
Pasaron meses e un bo día atopeime con Peito de Lobo no peirán da ribeira. En canto puxo ollos en min 30virouse de costas e chantou a mirada no mar. E xuzgando que xa non quería comerme os angumiños, arrisqueime a falarlle. E dispois dunha leria raposeira quedamos amigos.
No segundo ano Peito de Lobo apañou tal carpanta de anís escarchado que bailou co cabezudo na praza, e dáballe bicos e apertas, e chamáballe «meu irmanciño».
No terceiro ano saíu o cabezudo con espullas no nariz, cousa que fixen por mandado do mesmo Peito 35de Lobo.
Dende entón o meu amigo considerouse un pouco inmortalizado.
Fuxiron os anos e fuxiron as sardiñas para os xeiteiros. Peito de Lobo envelleceu de tempo e de fame. As festas viñeron a menos, como os quiñóns dos mariñeiros; mais o cabezudo aínda saía, un pouco destragado polos tratos ruíns que lle daba o sancristán.
40Fai dous anos estaba un forasteiro ollando o cabezudo, con ese ollar dos que van ás festas e non se divirten, cando Peito de Lobo achegouse a el, paseniñamente, e dándolle co cóbado deitou quediño na súa orella:
— Fíxese no cabezudo e repare en min. O cabezudo son eu.
Coma se nascese destiñado a ser unha cabeza grande de cartón, Peito de Lobo ollaba no cabezudo a súa 45forteza pasada, a súa esvaída popularidade.
O cabezudo non volveu a saír. O sancristán puxo enriba da cabeza de cartón o tumbo dos difuntos, e coa humidade do inverno aplacouse e quedou esmagada. Peito de Lobo tampouco volveu a saír. Un «aire de felesía» deixouno tolleito, e cómpre decirvos que lle dou o mal no mesmo intre en que o cabezudo foi vencido polo tumbo…
50O ano derradeiro pasei diante da casa de Peito de lobo. ¡Que tristura me dou! Estaba no balcón, sentado, semellante a un monifate de farrapos, encostado no corpo vivo da súa compañeira. De pasada saudeino con agarimo. Peito de Lobo miroume con ollos de peixe podre, e a súa muller díxome con bágoas nos ollos:
— ¡Alá se foi o cabezudo, señor!