miércoles, 25 de febrero de 2015

TEXTO 1 DE BLANCO AMOR. A ESMORGA.


 A ESMORGA .EDUARDO BLANCO AMOR.
A LIORTA NO MESÓN DO ROXO.

 Non señor, non; cando se armou a zarrazina no mesón do Roxo, nós xa sairamos. Quedámonos por alí cerca sen nos deixare vere , pra albiscar o que pasaba.
— Si, señor; vimos que sacaban ó Zamorano, ferido, que se lle vía a cara sangoentada. Dempois saíron outros, todos embrullados nunha grande liorta de paus e navallazos.
— Non señor, non; dígollo outra vegada… Bastante temos co noso sen que teñamos que carregar con cousas que non fixemos… Perdimos os cartos nunha partida de sete e media que tiñan armada uns xamoeiros masidaos, que son xente moi caloteira e andan a la santa buena polos feirales, con baraxas amaestradas. Díxenllo ó Bocas pro non me fixo caso…
— ¿Que ei de saber o nome? Digo esto porque mo dixeron uns do Ribeiriño que atopei aló.
— Non, señor; tampouco sei como se chaman… Sei que son do Ribeiriño porque os teño ollado aló, na taberna do Sancristán.
— …pois voltamos pra a cibdade. Subimos pola carreteira de Trives e metímonos pola Travesía sen atopar a ninguén… O Bocas seguía coa súa teima, e agora estaba aínda máis acirrado nela porque quedaramos sen cartos.
— Coido que non, agora que xurar non o podería xurar. ¡Quen sabe o que pasa nos adentros de cada un! A teima somellaba sere, de comenzo, pra vere de novo á belida señora. Cecais dimpoixa a ocasión…
— Señor, prégolle que me non faga decire o que non dixen… Dixen que se tiña quedado sen cartos e ren máis, e que quizabes por eso voltara á teima de irmos de novo á casa dos Andrada. Ó mellor si sairamos da timba con cartos dabondo, daríalle a vértola por facer outras cousas, digo eu… que eu non estaba dentro dil pra sabelo…