PROGNÓSTICO TEMPO

pronostico del tiempo Cangas

martes, 4 de noviembre de 2014

TEXTO NARRATIVO PARA COMENTAR DE TOLSTOY

COMENTARIO DE TEXTO NARRATIVO 2º ESO 
Na ribeira do Oka, vivían felices numerosos labregos. A terra non era fértil mais, labrada con constancia, producía o necesario para vivir con folgura e aínda daba para gardar algo de reserva.
Iván, un dos labradores, estivo unha vez na feira de Tula e comprou unha fermosísima parella de cans para que coidasen da súa casa. Ao pouco tempo, os animaliños fixéronse coñecidos por todos os campos da veiga do Oka polas súas continuas escapadas, nas que causaban estragos nos campos cultivados,desfacendo as plantacións e tripando as leiras. Tampouco as ovellas e os xatos acostumaban saír ben parados, vivían con medo.
Nicolai, veciño de Iván, na primeira feira de Tula comprou outra parella de cans para que defendesen a súa casa, os seus campos e as súas terras.
Mais ao tempo que cada labrego – para estar mellor defendido – aumentaba o número de cans, estes tornábanse máis esixentes. Xa non se contentaban cos ósos e demais sobras da casa, senón que había que lles reservar os mellores anacos das matanzas e houbo lles que construír recintos cubertos e adicar máis tempo ao seu coidado.
Ao principio, os novos gardiáns rifaron cos antigos, mais rapidamente se fixeron amigos e os catro realizaron xuntos as desfeitas.
Cando viron aumentar o perigo, os outros veciños compraron tamén cans, e así, ao cabo de poucos anos, cada labrador era dono dun fato de 10 ou 15 cans. Mal escurecía, co máis leve ruído, os animais corrían furiosos e armaban tal escándalo que parecía que un exército de bandidos fose asaltar a casa. Os amos, asustados, pechaban ben as súas portas e dicían:
-Meu Deus! Que sería de nós sen estes valentes cans que abnegadamente defenden as nosas casas?
Entre tanto, a miseria apoderárase da aldea; as crianzas, cubertos de farrapos, palidecían de frío e de fame, e os homes, por máis que traballaban da mañá á noite, non conseguían arrancar do chan o sustento necesario para a súa familia.
Un día, laiábanse da súa sorte diante do home máis vello e sabio do lugar, e como lle botaban a culpa ao ceo, o ancián díxolles:
- Vosa é a culpa. Lamentádevos de que na vosa casa falta o pan para os vosos fillos, que languidecen delgados e descoloridos, e vexo que todos mantendes ducias de cans gordos e lustrosos.
- Son os defensores dos nosos fogares – exclamaron os labradores.
- Os defensores? De quen vos defenden?
- Señor, se non fose por eles, os cans estraños acabarían cos nosos gandos e mesmo con nós mesmos.
- Cegos, cegos! – respondeu o ancián – Non comprendedes que os cans vos defenden a cada un de vós dos cans dos demais e que, se ninguén tivese cans, non precisariades de defensores que se comen todo o pan que debería alimentar ós vosos fillos? Suprimide os animais e a paz e a abundancia volverán aos vosos fogares.

E seguindo o consello do ancián, desfixéronse dos seus defensores e, un ano máis tarde, os seus celeiros e despensas non bastaban para conter as provisións e no rostro de seus fillos sorría a saúde e a prosperidade.

Lev Nikolayevich Tolstoy

1) TEMA. ESTRUTURA: BREVE RESUMO.ANALEPSES,PROLEPSES(Exemplos). TIPO DE FINAL(por que?)
2) NARRADOR. TIPO.POR QUE?.EXEMPLOS.
3)MARCO: espazo(microespazos),tempo(interno,externo)
4)PERSONAXES. TIPOS.