PROGNÓSTICO TEMPO

pronostico del tiempo Cangas

miércoles, 14 de mayo de 2014

Poemas de Díaz Castro.Letras galegas 2014.

POEMAS DE DIAZ CASTRO
A noite é...


Hai homes cheos de sombra,
homes a contralús
que che fan ver a Deus
coma unha mar de lus.

A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder


Ai capitán.


¡Chorar, chorar, mentres o barco rompe
contra o solpor, na noite!
A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
nin o teu riso, para sempre inmenso
 abrente na mar.
Lume che din, cinza me queda. ¿Cinza,
capitán!
Soia a sirea do teu barco
toda a eternidá.
Fume nos ollos, area fría
nas miñas maus.
E en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.
¿Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sen eles!






Coma unha escada


Lémbrome ben do vento que cantara
no fío da túa morte, meu amigo,
dos doces días que arrastrou o vento,
da derradeira pomba da esperanza.

Sobor da escuma dos recordos fría
navega un nome cara a min, sen nada,
o eco dunhas zocas afogándose
no veludo sen fin da eternidade,
a sombra longa dunhas maus, xa cougas
na lus da tarde, feita monumento.

Tódalas cousas morren esta tarde
con longuísimas sombras, baixo a muda
roda sen dó. Pro ti, ¿pra que estás morto?
Antre a esfera onde estás e as miña sombra
unha oración que no esperabas  tira
unha canle de lus coma unha escada.

Desfaise o tempo, faise a lus, e case,
case baixar te vexo pola escada
de lus pra acabar xuntos esta historia
que, por un erro, interrompeu a morte


Esmeralada


Herba perquerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
¿ por que de ser pequena
te me avergonzas ti?

¡O Universo sería
máis pequeno sen ti?.


Nimbos
Se é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,


das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na  miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

Coma un río quixera eu ser:
Cantar con estrelas no lombo cara ó mar,
deixando unha chorima en cada pedra,
e unha bágoa de Deus en cada herba.

Hai unha cousa clara coma o sol:
prós nosos ollos no está feita a lus
do mundo, ó abrente frío que se abreu
cando abrimos os ollos sobre o mundo.

E eu coma a néboa sobre os outros montes
que lles cobre a ferez  e mailas bágoas;
e eu coma a estrela que entra polo oco
do lousado do pobre na agonía.

Hai unha cousa clara coma a lus:
que no é para nós a música do mundo
a promesa raiante da hora enorme
en que se dixo: ¡ outro home veu ó mundo!

E eu como un fondo río de recendos,
de voces e de luces: coma o aire,
que beixa todo e non se apousa en nada
máis que no sangue, na raíz do sangue…














Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
 e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!








O verme e a estrela
Esta sede infinita de pureza
ausoluta, esta sede de xustiza
que nos queima, esta sede de beleza…
baixo as alas de pedra da preguiza
e a paga do pecado en cada esquina
e a herbiña sobre a foia e a ruína…


¡ Esta sede de lus, mentres o vento
da norte zúa darredor das cousas
que están no noso corazón, cincento
sopro que arrinca os días, queima as chousas
 máis íntimas, e várreas coma a ágoa…!

A lus do mundo é a que arde nunha bágoa.

















Monumento á ausencia
¡Lus,
ceo rachado, lus!
Inda vexo a lus,
E despois os galos,
e despois os homes,
e despois todo val, ¡cáliz fervendo!

Naquela mañá feita para os ollos
de Deus, pra sempre froleceu a pudia,
cantaron as lavercas para sempre.
E eu perdinme antre os trigos ben perdido,
coas espigas por riba da cabeza,
no carreiro longuísimo dos adeuses...

Adeus ó amigo que non tiven tempo
de me engañar, pra sempre xa querido.
Adeus á nena de ollos coma pregos
que será nena dentro de mil anos.
Adeus ás portas, xa pra sempre fieles;
adeus ós montes, todos urizados
de estrelas de ouro vivo para sempre;
 adeus ás pedras, coma rosas xa;
adeus ás maus, quentiñas para sempre.






Noite no mundo
¡ Noite do mundo, oco
de estrela arrincada,
onte teimo verte
de repente arder
sobre a miña vida
case consumida
na ourela da nada


Ai ter teu alento
no meu rostro ó fin,
e eu diante os teus ollos
derrubarme en lus,
esvaerme no aire
que ti vas beber,
ser o teu rastro, ser
 o teu eco perdido
e, case, non ser.