domingo, 5 de mayo de 2013

Texto de Carlos Casares 2(GAL 4º ESO)


O xogo da guerra 2

Agora estou neste colexio desde hai un ano. É primavera e non podo saír. Se cadra déixanme marchar en xullo, pero aínda non o sei. Onte leváronme á sala de castigos. Din que no recreo non pode andar un só paseando polo patio, que hai que xogar. Tampouco se pode andar de dous en dous. A nai que os pariu a todos!. Eu quero andar só. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao frontón nin ao baloncesto. Gústame xogar no lavabo. Tampouco se pode, porque está tamén prohibido. Pero polas noites, cando todos dormen, levántome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Durante o día collo moscas, arríncolles as ás e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e abro a billa, pouquiño a pouco, moi devagariño. As moscas soben, foxen pola pileta arriba, pero eu empúxoas para abaixo cunha palliña e afóganse. É a guerra. Afóganse aos poucos. Un día cazáronme e leváronme á sala de castigos. Chamáronme marrán por andar tocando as moscas. E que? Se non fose pola guerra, podrecíame de noxo. Durante o inverno, como non había moscas, xogaba con anacos de papel, pero non é tan bonito.
En xullo din que saio. O  Rata, se cadra, pensa que me esquecín. Seguro que pensa que seguimos sendo amigos. Entón voulle a dicir: «Vés ao río?»El vén, que lle gusta moito. E despois pregúntolle: «Xogamos aos submarinos?». El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dous ou tres veces. Despois que pase el. Abro ben as pernas e o pasa polo medio, debaixo da auga. E así dous ou tres veces. E entón, ala, cando pase, pecho as pernas e queda  enganchado polo pescozo. Aos poucos, devagariño, como as moscas da pileta.