domingo, 5 de mayo de 2013

Texto 2 Carlos Casares


O XOGO DA GUERRA 1
Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata:
"Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata
estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de
mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo así como a
dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai.
Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas.
Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei:
-¡Zalo...!
Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:
-¡Zalo..!
Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que mamalón, cómo lle sabía dar co gusto á xente.
-¿Onde está o Rata?
-No campo da Bomba.
Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañándose no río. Ao nos ver, saíu.
Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle:
"Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu
non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non se chora", dixo.
Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. "Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas". "Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai.
Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo.
Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar. "¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non
falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que me tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei.