CARACTERÍSTICAS DA NOVA NARRATIVA GALEGA(algunhas moi presentes na obra de Carlos Casares)
As prosa da nova narrativa galega supón unha innovación nas formas narrativas, a introdución de modelos culturais estranxeiros e unha ruptura da concepción tradicional da novela. As súas influencias estarán en William Faulkner, Franz Kafka, James Joyce, no existencialismo francés de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus e, moi especialmente, no nouveau roman; movemento do que toma o título. "Nouveau roman" tradúcese por nova novela, isto é, nova narrativa.
En liñas xerais, as novelas da nova narrativa galega defínense por:
- Romper a liñalidade espazo-temporal en favor de localizacións urbanas imprecisas e, case sempre, asfixiantes.
- Presentar personaxes con problemas patolóxicos que adoitan encontrarse en situacións marxinais ou límite.
- Empregar no interior dun mesmo relato, ao xeito do nouveau roman, a perspectiva múltiple mediante o uso de distintos narradores que tenden a expresarse a través do monólogo interior.
- Servirse do obxectalismo; técnica popularizada polo nouveau roman que consiste na descrición minuciosa e descontextualizada das cousas que o narrador ten ao seu alcance, provocando, de novo, sensacións de asfixia e estrañamento xa aludidas.
- Incidir en temas relativos ao absurdo, ao sentido da vida, á angustia ou á soidade inherente ao individuo.
Ademais de todas estas características comúns aos autores da Nova Narrativa, Carlos Casares vaise diferenciar polo seu realismo, ás veces dun xeito moi cruel e duro.