sábado, 3 de noviembre de 2018

ORIENTACIÓNS PARA A PROBA ABAU LITE ESPAÑOLA 2º BACHARELATO

ORIENTACIÓNS PARA AS PROBAS DE LINGUA CASTELÁ E LITERATURA II CURSO 2017-2018 E POSTERIORES
LECTURAS OBRIGATORIAS 
As obras literarias de lectura obrigatoria son, como xa se informou, as que resultaron máis votadas na enquisa que tivo lugar nos pasados meses de maio e xuño:La Fundación,Crónica de una muerte anunciada,Romancero gitano eLa verdad sobre el caso Savolta.
ESTRUTURA DO EXAME 
No que respecta ao exame, haberá, como sempre, duas opcións para escoller. A estrutura será, en síntese, a seguinte: 
1a parte (1 punto) Resumo ou esquema dun texto. 
2a parte (2 puntos) Comentario crítico do contido dun texto. 
3a parte (3 puntos) Dúas preguntas (1.5 puntos cada unha) de lingua. Unha delas basearase na detección e explicación de estruturas, formas, etc. no texto; a outra, na creación ou produción de estruturas ou breves textos. 
4a parte (4 puntos) Dúas preguntas (2 puntos cada unha) de literatura. Unha pregunta fará referencia a unha das obras lidas no curso e a outra a un tema de historia da literatura; como novidade, AMBAS estarán apoiadas por breves textos. 
Como podedes observar, hai unha redución no número de preguntas, que a partir de agora serán 6. 
  •   Eliminamos a pregunta de explicación de significado de palabras. 
  •   Redistribuimos a puntuación da 1a e 2a partes, de modo que o resumo ou 
    esquema pasará a valer 1 punto mentres que o comentario crítico valerá 2. 
  •   Volvemos ter dúas preguntas na 3a parte (de 1.5 cada unha, en vez de tres de 1 punto) e mantemos dúas na 4a parte (literatura). As preguntas de literatura pasan a valer 2 puntos cada unha. 
ORIENTACIÓNS SOBRE O EXAME E CONTIDOS DAS PREGUNTAS 
O texto no que se basearán as tres primeiras partes do exame responderá, como nos últimos cursos, ao tipo de texto periodístico de opinión. 
1a parte: 
O propósito é ou ben que o alumnado demostre a súa capacidade de síntese producindo un novo texto que reduza a información contida no fragmento sen afectar ao contido global (resumo) ou ben, se o prefire, que demostre a súa capacidade de análise extraendo e xerarquizando as ideas principais (esquema). A través da lectura tanto do resumo como do esquema, alguén que non lese o texto debería poder saber de que trata e cales son as ideas principais. 
O resumo non debe conter valoracións, opinións ou ideas propias que non procedan do texto. Aplicaranse ademais penalizacións por non axustarse ás condicións básicas dun resumo: por non plasmar con expresión propia as ideas do texto descontarase ata a metade da puntuación (non é aceptable copiar literalmente fragmentos ou párrafos do texto); cando a extensión resulte impropia dun resumo poderase descontar tamén ata medio punto. 
O esquema deberá ordenar as ideas e xerarquizarlas, incluíndo as principais e as secundarias. Empregaranse esquemas nominais e non oracionais para cada un dos epígrafes. Aplicaranse tamén penalizacións por non axustarse ás condicións básicas dun esquema: por non concretar axeitadamente as ideas poderase descontar ata medio punto; o mesmo por non relacionalas axeitadamente. 
2a parte: 
A meta é comprobar se o alumnado comprende o contido do texto, se é quen de expresar a confrontación das súas propias ideas coas defendidas no texto e se é quen de extraer conclusións razoadas desta confrontación. En consecuencia, unha paráfrase coherente do texto poderá cualificarse cun máximo de 0.75 puntos; se a alumna ou o alumno é quen de argumentar razoadamente o seu acordo ou desacordo coas ideas sostidas no texto e mesmo transferir o seu contido a outras realidades, poderá recibir a puntuación máxima. (2 puntos). Repetimos aquí as orientacións de circulares anteriores, dirixidas ao alumnado: 
1. Deberás tratar de convencer con argumentos e contraargumentos. 2. Deberás organizar o teu texto debidamente; podes estruturalo en partes (sen indicalas) como, por exemplo, tesis, argumentación e conclusión. 3. Deberás manexar os recursos lingüísticos axeitados: verbos de pensamento, de dúbida... adverbios e conectores que faciliten a exposición de argumentos, fórmulas que impliquen ao receptor, etc. 4. Valoraremos a corrección e a adecuación da linguaxe ao que se solicita, preferindo sempre a sinxeleza aos tópicos e ás fórmulas de recheo. 5. Deberías ser quen de detectar os criterios nos que se basea o autor para defender o que di. 6. Deberías ser capaz de engadir exemplos que ilustren os teus argumentos ou contraargumentos e deberías ser capaz de chegar a conclusións, aínda que sexan provisionais. 7. Non se trata de realizar unha análise formal do texto, aínda que poderás referirte a algún trazo formal se estimas que contribúe a reforzar a túa argumentación. 8. Penalizaremos o feito de repetires o texto, que digas obviedades, que empregues frases ocas ou insustanciais, rexistros coloquiais ou que cometas erros de expresión ou ortográficos. 
Insistimos en que non preguntamos por tipoloxía textual nin por trazos formais do texto. Trátase de comentar críticamente o contido. Non se recomenda repetir datos externos que figuran no propio texto (“el texto fue escrito por tal autora o autor y publicado en tal fecha en tal periódico...”). 
3a parte: 
Constará de dúas cuestións que recollerán os estándares de aprendizaxe establecidos na lexislación neste bloque de contidos. Como en cursos anteriores, nunha delas pedirase identificación e explicación de fenómenos ortográficos, morfolóxicos, sintácticos (categorías, funcións e relacións...) e na outra uso ou redacción de pequenas estruturas guiadas. As preguntas estarán relacionadas cos seguintes contidos: 
1) Coñecemento das posibilidades de creación de palabras e enriquecemento do léxico mediante a composición, derivación, parasíntese e acronimia; 2) identificación e uso das diferentes clases de palabras; 3) identificación e emprego axeitado das diferentes formas verbais e das diferentes formas de perífrases verbais; 4) identificación e emprego das diferentes clases de sintagmas ou frases, dos seus constituíntes e das diferentes funcións que podan exercer nas cláusulas ou oracións; 5) identificación e uso das diferentes funcións primarias de cláusula ou oración (suxeito, predicado, etc.); 6) identificación e uso das diferentes relacións existentes entre estruturas sintácticas; 7) coñecemento das diferentes relacións léxico-semánticas das palabras (sinonimia, antonimia, hiperonimia, campo léxico e campo semántico, mediante a identificación nun texto ou o emprego de sinónimos, antónimos, etc.). 
Insístese no seguinte: 1) NON se pedirá unha análise sintáctica formal. 2) NON se pedirá análise morfolóxica de palabras, pero poderá pedirse identificación de elementos. 3) Poderase preguntar por algúns dos elementos que contribúen a dotar de cohesión e coherencia a un texto, como antecedentes de relativos, referentes textuais de pronomes, valores anafóricos e catafóricos dalgún elemento, etc., pero non se pedirá unha análise dos mecanismos de cohesión dun texto determinado (aínda que se valorará o seu uso no comentario de texto). 4. As preguntas NON serán teóricas; non se tratará de reproducir teoría gramatical ou trazos das variedades aprendidos memorísticamente, senón, como dicimos, de identificar ou empregar unidades lingüísticas. 
4a parte 
Esta parte constará de dúas preguntas; unha fará referencia a unha das obras lidas no curso e a outra á historia da literatura. 
No que respecta ás obras de lectura obrigatoria (pregunta 5), co apoio dun pequeno fragmento (que estará identificado), as preguntas versarán sobre características, temas, personaxes, etc., da obra. 
Preguntas tipo sobre Romancero gitano:
  1. Temas. 
  2. Estrutura externa e interna. 
  3. Compoñentes simbólicos e míticos. 
  4. Rasgos formais: entre tradición e innovación. 
Preguntas tipo sobre La verdad sobre el caso Savolta:
  1. Xénero literario: entre a novela histórica, a novela policíaca e o folletín. 
  2. Análise de personaxes. 
  3. Tempo e espazo. 
  4. Estrutura e punto de vista narrativo. 
Preguntas tipo sobre La Fundación:
  1. Técnicas e recursos dramáticos. 
  2. Análise de personaxes. 
  3. Argumento e temas fundamentais. 
  4. Lugar, tempo e acción. 
Preguntas tipo sobre Crónica de una muerte anunciada:
  1. A técnica do realismo máxico. 
  2. Temas: o honor, o amor e o fatum
  3. O perspectivismo como técnica narrativa. 
  4. Análise de personaxes. 
Insistimos en que os fragmentos seleccionados serán sempre moi significativos. Non se pretende sorprender ao alumnado, senón potenciar a lectura reflexiva das obras. O alumnado deberá responder a pregunta baseándose no fragmento, que localizará na estrutura da obra. 
A pregunta 6, de historia da literatura, constará de dúas partes. Na primeira, as alumnas e alumnos deberán desenvolver, como en cursos pasados, un dos nove temas teóricos propostos. Na segunda, terán que aplicar a un texto algún aspecto da pregunta desenvolvida. Non se trata dun comentario de textos literario á maneira tradicional, senón dunha pregunta corta e concreta que busca comprobar que o alumnado sabe distinguir nun texto aquelas características xerais dun periodo ou dun autor que estudiou na teoría. Para responder a esta segunda parte, non se requirirán outros coñecementos que os que xa se esixían o ano pasado. Tampouco dependerá a resposta de ter visto o texto na clase ou non. Se o estudante domina os contidos teóricos, saberá responder a pregunta práctica independentemente de se coñece o texto ou non. As preguntas serán do tipo: “identifica no fragmento algunha das características definitorias do movemento X”, “indica en que etapa de tal autor incluirías a obra do fragmento e xustifica por que, “explica a cal das tres décadas da novela de posguerra cres que pertence a obra do fragmento; xustifica a resposta”, “localiza no fragmento exemplos destas tres características propias do movemento X ou da obra do autor Z, etc. Os textos escollidos estarán entre os máis coñecidos dos seus autores e as obras ás que pertencen serán representativas de movementos xerais ou de periodos ben claros da obra dun autor. Cando se trate de autores de obra moi abundante, escolleranse textos dos libros máis coñecidos. Se se trata de Cela, por exemplo, escollerase algún fragmento do Pascual Duarte ouLa colmena; se de Valle-Inclán, algún esperpento; se de Juan Ramón Jiménez, preferirase a sua obra anterior ao exilio; se de   Machado,Soledades Campos de Castilla; se de Azorín, La voluntad; se de Unamuno, Niebla ou San Manuel Bueno, mártir; se de Alfonso Sastre, de Escuadra hacia la muerte, etc. 
As preguntas tipo serán as seguintes, moi semellantes ás que conformaron o listado para a ABAU de 2017: 
  1. O Modernismo. Características xerais a través da figura de Rubén Darío. 
  2. A novela na xeración do 98: Baroja, Unamuno e Azorín. 
  3. As traxectorias poéticas de Antonio Machado e Juan Ramón Jiménez. 
  4. Evolución e características xerais da xeración do 27 a través dalgúns dos 
    principais autores: Salinas, Lorca, Alberti e Cernuda. 
  5. O teatro español anterior á Guerra Civil: Lorca e Valle-Inclán. 
  6. A poesía española nas tres décadas posteriores á Guerra Civil: Miguel 
    Hernández, Blas de Otero, Gil de Biedma. 
  1. A novela española nas tres décadas posteriores á Guerra Civil: Cela, Delibes e Martín Santos. 
  2. As figuras de Buero Vallejo e Alfonso Sastre no teatro español posterior á Guerra Civil. A renovación do teatro. 
  3. A narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX. O boom da narrativa: Borges, Cortázar, García Márquez, Vargas Llosa. 
Dentro da pregunta seis, o desenvolvemento do tema valorarase cun máximo de 1.5 puntos, mentras que a aplicación ao texto valerá ata 0.5