Un tal Melle, veciño de Loboso, Partido de Mondoñedo, decidiu cando xa cumprira setenta anos, aprender a ler e a escribir, e en menos dun mes o mestre houbo de dalo por útil. Ós que lle preguntaban a que viña tomar aquel traballo ós seus anos, contestaba que ó mellor podía mandar algún recado dende o outro mundo, e entón sempre sería mellor por escrito que de palabra. Para que non houber dúbida de que era el quen mandaba as novas, deixaria denantes de morrer unha mostra de letra e papel de barba. E mandou Melle que cando morrese, que lle metesen no peto da chaqueta papel, sobres e lapis tinta. Finouse Melle, i enterrárono co recado de escribir que pedira, i o lápiz tinta afiado pólos dous cabos, i aínda lle meteron no peto unha navalliña por si quebraba pontas, que apertaba moito ó escribir... Pasóu o tempo e non chegaba recado ningún de Melle i a xente de Loboso íbase esquecendo da ocurrencia. Pasaron dous longos invernos e dous ledos e pequenos veráns. Un sobriño de Melle, por Pascua, mercóu na feira de Meira un par de galiñas, unha negra castel i outra do pescozo pelado, i ó soltalas na eira miroulles o ovo, e ista derradeira viña coil na ponta, tanto que o puxo deloutro día, cediño, e cacarexouno ben. Era un ovo longo, longo, coa casca mourenta e manchada. O sobriño de Melle pensou que tragueria dúas iemas, i antoxóuselle de almorzo unha torreznada, e cando xa se engurraran os liscos na sartén, partíu o ovo nun prato pra batelo, i o ovo, por dedentro, estaba baleiro de crara e xema, e somentes gardaba un sobre, no que estaba escrito con letra de lápiz tinta –letra comprobada do finado Melle– ésto: «Amañai la chimenea. Tu tío que lo es Victoriano Melle». E sob o nome, un solene rubricado. E ben se vía que o Melle tiña mollado a ponta do lápiz máis de dúas veces escribindo o recado.Deu a nova o sobriño a voces, acodiron os veciños, e foi lido cen veces o sobre. Cando o sobriño foi ó galiñeiro; a buscala galiña do pescozo pelado, atopouna morta. I o aviso do finado chegara a tempo si fora atendido, que dúas noites despóis un vendabal que viña tolo, levouse a cheminea dos Melle.E así e todo. Os Melle de Loboso conservan a carta do tío. Hai veciños de seu que ainda recibiron outras, e todos por ovos ou camiños máis sebredos ainda, pro que isas cartas non as amosan porque tratan de intereses, e consellos en preitos.
1. XÉNERO. TRES RAZÓNS
2. AUTOR:VIDA E OBRA, MOV. CULTURAL
3. ARGUMENTO: PRESENTACIÓN, NÓ, DESENLACE. TIPO DE FINAL. ANALEPSES, PROLEPSES.
4. NARRADOR. TIPO. RAZÓN E EXEMPLOS.TEMPOS VERBAIS.
5.PERSONAXES.
6. DESVÍOS DA NORMA(NEGRIÑA)
7. FIGURAS LITERARIAS(SUBLIÑADAS)
8. MARCO.
9. SÍNTESE E INTERPRETACIÓN PERSOAL