jueves, 22 de febrero de 2018

TEXTO ARGUMENTATIVO 4º ESO

Urbes abertas á aprendizaxe 
Nas rúas e prazas das vilas ou cidades, a memoria colectiva non se mantén coa simple colocación de placas, esculturas e bustos adicados a veciños/as, figuras relevantes ou acontecementos históricos. Precísanse iniciativas que procuren que os espazos urbanos contribúan á memoria social, da cal todos somos parte activa.
Mesmo cando identificamos a persoa ou feito que dá nome ao sitio, que non pasa do 50% dos casos, estes sinais están baleiros de contido. Calquera enquisa neste tipo de rúas amosaría o amplo descoñecemento que existe entre veciñanza ou transeúntes.
E existen formas creativas e lúdicas de nomear e lembrar. Poñamos por caso, o emprego de títulos de obras: non presta vivir na ruela A sombra dos teus soños ou na avenida Os biosbardos e podermos ler fragmentos destas creacións inscritos nas paredes? Ou é posíbel contar, tal como acontece no Central Park de Nova York, coa presenza dos protagonistas de ficción, nese caso en homenaxe a Alicia no País das Marabillas, cos seus personaxes esparexidos polo parque convidando a sentarse con eles.
Tamén se inscribe nunha liña orixinal e efectiva unha das actividades do centenario de Celso Emilio Ferreiro neste 2012, a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro. Unha iniciativa que pretende informar sobre o autor de Celanova ás máis das persoas que viven nas rúas galegas que levan o seu nome a través da entrega dunha publicación nas caixas de correos. Esta, concibida a xeito de revista, percorre a través do texto e da imaxe as claves biográficas e literarias do autor, con rigor e amenidade. Ademais, co atractivo engadido da utilización de recursos como a fotonovela, a liña cronolóxica ou os pasatempos.
Daquela, o simple obxectivo de achegar información sobre quen ou que é o nome co que foi bautizada unha rúa supón un exercicio de desenvolvemento de cidadanía. Xustamente, cando os servizos culturais que ofrece a institución municipal van máis alá das propostas artísticas, museísticas e de espectáculo, intégrase o coñecemento e fortalécese a identidade e a autoestima veciñal.
En definitiva, trátase de que os responsábeis políticos entendan a importancia de establecer canles culturais nos contornos que todo o mundo partilla, tanto para a veciñanza como para os visitantes.
(Creado a partir dos blogues Brétemas e Caderno da crítica)