miércoles, 24 de febrero de 2016

`TEXTO 2 NEIRA VILAS

Os primeiros berros viñan da banda do camiño; despois pareceume que saían do resío.
Seguín no meu trafego de amorear terra coas mans. Tamén construín un forno, de croios, e arrinquei millán para poñerlle darredor. Non me movería de alí. Fixen a promesa de fuxir para sempre da casa, se meu pai me volvía zoscar.
— ¡Balbinoooo!
Sentino por miña nai, e pola tía Carme, pero que se amolen. Elas tamén me tiñan bourado, e ademais facíanme rezar. Todos son contra min. Dende o padriño ata meu irmán Miguel, que inda na véspera de irse para América turroume dos pelos porque lle andei na caixa das ferramentas.
Pola tardiña andaban buscándome todos os da casa e tamén algúns veciños. Berraban preto, lonxe, no agro e nas corredoiras. O meu nome foi e veu polo aire en toda a aldea. Xa se fora o sol e inda non me atoparan. Moita xente que non lle importaba de min, andaba na miña busca. Era coma se procurasen o raposo ou lle quixeran dar caza ó porco bravo. Eu, mentres, seguía facendo pontes e fornos, xuntando croios, esfarelando cadullos.
Anoitecía cando sentín bafexar detrás do meu lombo, despois dun maino ruxido de follas de millo. Revireime. Era Pachín, o can. Pachín tamén me buscaba. E deu comigo. Traguía a lingua fóra e viña fatigado. 

TEXTO NEIRA VILAS

TEXTO 1 NEIRA VILAS
Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.
Eu estaba no medio de todos. Ninguén facía caso de min. Bulían a darlle consellos ó viaxeiro mentres non chegaba o coche de liña. Miguel dicía a todo que si, con cara de «tanto me ten». Collinlle unha man e púxenme a contarlle os dedos para un lado e para o outro, dende o gordo ó meimiño. Non dei chío pero gustábame que Miguel marchase. Despois contaríame moitas cousas. E eu diríaas na escola. Como non me atendía, turrei por el para unha beira. Anagouse e díxenlle ó pé da orella: «Eu quero que te vaias. Mándame unha carta dende América e cóntame historias de alá». Sorriu, púxome unha man na cabeza e esgarabelloume no pelo. Sentín coma un proído de sarabullo no corpo todo.
Escoitamos a buguina do «Modelo». Viña a todo meter, cun eito de caixóns e cestos derriba. Miña nai e mais a madriña dábanlle bicos e apertas a Miguel, e seguían choromicando. Meu pai ergueu a maleta ata onde estaba o revisor. Unha maleta noviña, feita polo carpinteiro de Quintela. Despois apertou contra si un instante a meu irmán. Antes de meterse no coche, Miguel colleume polo pescozo, deume un bico na cara, e cun «abur, Balbino» fuxiu coma un lóstrego. Eu quedei feito un papón. Non souben dicir nin facer nada. Arrincou ó xeiteniño o «Modelo». Miguel axexaba para nós mentres abaneaba un pano da man.